SPRC Informação

As fraxilidades de Bolsonaro

Nun artigo publicado hai uns meses facíamos referencia á chegada de Jair Bolsonaro á presidencia do Brasil, deixando unha interrogante ao respecto da evolución política tanto no Brasil como no conxunto da América Latina.

En pouco tempo mudou de xeito radical a situación e Bolsonaro,  que só leva medio ano no poder, perdeu case toda a forza que se lle atribuía, atopándose na actualidade nunha complexa situación polos problemas internos e pola acción de unha oposición de esquerda que no último mes foi quen de convocar as mobilizacións máis grandes celebradas no país desde 2013.

 O 15 de maio unha mobilización nacional en defensa da educación contou con grandes manifestacións en máis de 200 municipios, o 30 de maio outra mobilización contra a redución dun 30% do orzamento para as universidades públicas tivo unha participación aínda maior, e o 14 de xuño as dez centrais sindicais brasileiras mobilizaron a máis de 40 millóns de traballadores e traballadoras contra a proposta de modificar as condicións para poderen acceder á reforma. Semella ademais que isto é só o inicio de unha contraofensiva contra quen chegou ao Palácio de Planalto con un grande apoio electoral.

Na base gobernamental a fraxilidade aumenta, ao non conseguir ampliala e xurdir a cada pouco conflitos, sobre todo polo enfrontamento entre as diversas faccións e a incapacidade de Bolsonaro para controlar ao seu círculo máis íntimo que é o que está a provocar os problemas. Vinte altos responsábeis do goberno xa foron trocados, entre eles tres ministros;  nos militares, que ocupan unha terceira parte das responsabilidades, a preocupación aumenta, tendo dimitido xa o xeneral xefe da Secretaría de Governo enfrontado a un tempo a un dos fillos do presidente e a Olavo de Carvalho, un filósofo, astrólogo e fervente anti-comunista que actúa como auténtico gurú, e desde EEUU expande vía internet a doutrina que seguen Bolsonaro e os seus.

As acusacións de corrupción salpican a membros do círculo presidencial, destacando as acusacións contra outro dos seus fillos, sobre o que hai ademais sospeita de implicación no asasinato da dirixente de esquerda Marielle Franco. Veñen de ser desveladas  conversas de Sérgio Moro, xuíz estrela do proceso lava jato do que derivaron as  acusacións contra Lula da Silva e Dilma Rousseff; desas gravacións despréndese que o actual ministro de xustiza e suposto campión na loita contra a corrupción cometeu múltiples ilegalidades cando dirixía aquel proceso

A todo o anterior súmanse a incapacidade do presidente para articular unha base parlamentar de apoio ás súas propostas lexislativas, e unha evolución da economía que non dá sinais de recuperación, con aumento do desemprego e un PIB que non vai cumprir nin de lonxe as previsións gobernamentais.

Diante desta situación, e a medio ano do acceso de Bolsonaro á presidencia, a situación é moi problemática, afectando fundamentalmente á súa poboación pero tamén ao conxunto do continente, dado o papel xeoestratéxico do Brasil. Algúns analistas que vían a Bolsonaro como un gobernante de dereita forte para situar ao Brasil definitivamente na banda do imperialismo están mudando a súa visión. Sospeitan que un presidente do Brasil dedicado a espallar a doutrina dun gurú, cun goberno dividido en faccións, sen apoio parlamentario e sen control sobre importantes territorios nos que aumentan os grupos armados, é moito máis maleábel  e por tanto non hai perigo de que poida ser un obstáculo nin para os intereses políticos do imperialismo nin para o saqueo dos inmensos recursos naturais do Brasil.