Nº 3 · Abr 2019

AmericaLatinaO xiro á dereita en América Latina

Duarte Correa, Professor de História e Analista Internacional. Membro do Secretariado e do Conselho Federal da Federação de Ensino da Confederação Intersindical Galega (CIG-ENSINO)

O avance da nova extrema dereita en América Latina responde a unha necesidade do imperialismo norteamericano, que estivo moi centrado en Oriente Medio e no Afganistán, pero coa aparición de novos actores no enfrontamento xeopolítico mundial, como son Rusia e China, precisa retomar o control dun patio traseiro que tiña algo abandonado i é de interese estratéxico, polos inxentes recursos materiais e de fontes de enerxía que posúe.

A chegada de Bolsonaro á presidencia do Brasil descubriu para moitos europeos a realidade do ascenso da extrema dereita en América Latina, ascenso que se está a producir desde hai xa uns anos, con elementos coincidentes coa vaga que asola Europa e outros que son propios.

Ademais de Brasil, hoxe os gobernos de Colombia e Paraguai son claramente de extrema dereita; e en Chile, Arxentina, Perú, Panamá, Honduras, Guatemala e Ecuador hai gobernos que coinciden na aplicación de políticas económicas neoliberais e no emprego da represión contra as reivindicacións das clases populares e dos povos orixinarios. 

O acceso de  Bolsonaro á presidencia do estado máis poboado e primeira economía de América Latina, e a agresión a Venezuela supoñen un salto cualitativo na estratexia recente duns Estados Unidos que manteñen vixente a famosa Doutrina Monroe; resumida na frase pronunciada por ese presidente norteamericano en 1823 “América para os americanos”, e desenvolvida polo Corolario Roosevelt  en 1904 que deixaba claro que os EEUU tiñan dereito a intervir nos asuntos internos de América Latina, dicindo que "se algún país de América do Sur ten un mal comportamento debe ser castigado".

Sería un grave erro considerar a situación actual como o froito da incontinencia dun louco como Trump; non esquezamos que o famoso muro na fronteira mexicana foi iniciado por Bill Clinton en 1994, e que durante e presidencia do Nobel da Paz Barack Obama producíronse os golpes de estado institucionais contra dous políticos moderados como Lugo no Paraguai e Zelaya en Honduras, e contra Dilma Rousseff no Brasil.

O avance da nova extrema dereita en América Latina responde a unha necesidade do imperialismo norteamericano, que estivo moi centrado en Oriente Medio e no Afganistán, pero coa aparición de novos actores no enfrontamento xeopolítico mundial, como son Rusia e China, precisa retomar o control dun patio traseiro que tiña algo abandonado i é de interese estratéxico, polos inxentes recursos materiais e de fontes de enerxía que posúe. Un marco xeográfico no que entre 1999 e 2013 unha maioría de gobernos coincidían na necesidade da cooperación, erguendo as bandeiras da soberanía, do anti-imperialismo e da construción de modelos sociais alternativos ao neoliberalismo; gobernos que viñeron acompañar a heroica resistencia do  povo cubano.

A actual é unha ofensiva moi distinta aos sanguentos golpes militares do século XX, pero o progresivo paso de estados da rexión ao bando do imperialismo demostra que a estratexia ianqui está sendo exitosa cando menos temporalmente, un éxito no que inflúen:

  • Unha estratexia, sostida no tempo, de desprestixio dos dirixentes políticos deses estados, coa mensaxe única da corrupción. Estratexia na que teñen un papel central os monopolios midiáticos e as redes sociais como espalladoras e amplificadoras das mentiras fabricadas.
  • Continuas intervencións desestabilizadoras que crean dificultades económicas e de orde pública, nuns estados que a partir de 2013 vense afectados por unha crise económica debido á redución de prezos no mercado internacional de materias primas e fontes de enerxía, que son base fundamental da exportación nalgúns deles.
  • A importancia concedida polo imperialismo á loita das ideas, coa exacerbación dos discursos do medo e do odio ao diferente (homosexuais, povos orixinarios,...), e contra as capas máis baixas da sociedade; capas ás que se estigmatiza denunciando que son privilexiadas polas  políticas asistenciais, que supostamente discriminan ao resto da sociedade.
  • Un cambio importante no xeito de actuar a dereita, con liderados xovens de actitude desenfadada e contestataria, afastada da imaxe asociada á dereita tradicional; e asumindo a rúa como campo importante de loita, con manifestacións e outro tipo de mobilizacións máis contundentes.
  • O papel que asume a nova clase “media” responsabilizando aos gobernos, que coas súas políticas permitiron o seu acceso á sociedade de consumo, de que as súas expectativas de ascenso social se vexan truncadas pola crise económica.
  • Unha grande debilidade e desmobilización en  movementos sociais e partidos de esquerda, dado que moitos dos seus cadros dirixentes pasaron a asumir responsabilidades institucionais.

Non sabemos como evolucionará a situación nos vindeiros meses, pero é obriga de toda persoa progresista defender o dereito de todos os povos, neste caso de América Latina, a decidir o seu futuro sen inxerencias. Defensa dunha soberanía que non significa ser confesionais cos modelos que elixan. Non podemos deixarnos engaiolar por unha suposta nova dereita que é a dereita de sempre; certo que mudou de roupa, se antes vestían de ditaduras militares e practicaban os asasinatos e desaparicións en masa, hoxe  visten de axuda humanitaria e loita contra a corrupción, e os asasinatos son selectivos.

Está em... Home Nº 3 · Abr 2019 SPRC Informação SPRC Informação · Abr2019 O xiro á dereita en América Latina